ABE RÁBADE

Do 14 ao 18 de xullo + artista convidado · Praza da Quintana · 13:00

[17 de xullo ás 23:50 xunto Girma Bèyènè + The Lákazans · Praza da Quintana]

Licenciado Cum Laude polo prestixioso Berklee College of Music de Boston, o intérprete e compositor galego Abe Rábade (Santiago de Compostela) amosa sempre nos seus proxectos e actuacións unha grande capacidade interpretativa e tamén un enorme talento como compositor jazzístico. Ao longo da súa carreira, participou en seminarios internacionais de jazz en Europa e América e, dende o ano 2000, é Director Artístico do Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra (SPJ).

Colaborou en multitude de proxectos musicais xunto a artistas da talla de Jeff Harrington, Perico Sambeat, John O’Gallagher, Jorge Pardo, Chris Kase, KurtRosenwinkel, Chonchi Heredia, Javier Outeiro ou Zé Eduardo, e o seu traballo viuse recoñecido con galardóns como o Piano Performance Award do Berklee College of Music (1999) ou o Premio Tete Montoliú ao Pianista Revelación en España (2001), entre outros.

O seu disco Zigurat (2010) foi elixido Mellor Álbum de Jazz na III Edición dos Premios da Música Independente (UFI). Dende comezos da década pasada, que volveu a Galicia, demostrou que as súas dotes non só se limitan á esfera musical, senón que se expanden a outros espazos artísticos como ao cinema, á fotografía, á literatura, ao teatro e á danza.

© Terra da Fraternidade 2017 · Política de privacidade e de cookies