Terra da Fraternidade é un festival que forma parte da programación das Festas do Apóstolo e que reivindica Compostela como terra de acollida de persoas e culturas de todos os continentes, a través dos sons, dos ritmos e da linguaxe universal que é a música.

Do 14 ao 18 de xullo, a Praza da Quintana, na capital galega, convértese nunha especie de terra prometida para a diversidade cultural e musical do planeta en conexión coa cidade e co talento local.

En cada unha das cinco xornadas combínanse artistas de culturas de tres continentes con cadansúa contraparte galega. Trátase así dun dobre concerto que inclúe a interpretación dalgún tema no que ambas as dúas músicas se fusionan. Deste xeito, a Praza da Quintana transfórmase á vez nunha sorte de viveiro creativo e de hibridación musical.

Terra da Fraternidade supón toda unha oportunidade para a descuberta das e dos artistas máis populares e sorprendentes de Polonia, Mozambique, Ghana, Francia, O Brasil, Etiopía, Colombia, Portugal… e, por suposto, Galicia. Así, formacións como Warsaw Village Band (Polonia), Selma Uamusse (Mozambique), Pat Thomas & Kwashibu Area Band (Ghana), Girma Beyene & Akale Webé (Etiopía/ Francia) e Bixiga 70 (O Brasil) amosarán na capital galega assúas composicións propias, á vez que compartirán ritmos, creacións e micro con Mercedes Peón, Raigañas, Habelas Hainas, Adrián Costa, The Lákazans, Abe Rábade e García MC.

Trátase dunha selecta programación baseada na hibridación e fusión para bailar e gozar nun espazo único como a Praza da Quintana ao ritmo de sons da música tradicional, jazz, highlife, afrobeat e afrocaribeña, rap, blues, soul, folk, ethio, afrofunk, malinké, dub, candomblé, samba, cumbia, carimbó, kuduro…

Terra da Fraternidade é a programación coa que Compostela dá a benvida e acolle nas súas festas máis importantes e internacionais a culturas e a persoas de todo o mundo para visibilizar unha cidade diversa, plural e implicada na defensa dos dereitos das persoas e que aposta por unha sociedade aberta baseada na igualdade.

© Terra da Fraternidade 2017 · Política de privacidade e de cookies